Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
baixalimiaxures.com
LOBIOS
ENTRIMO
MUIÑOS
LOBEIRA
BANDE
Gerês Xurés
Parque Nacional Peneda Gerês

ZONIFICACIÓN

A zonificación ou clasificación da superficie do PARQUE NATURAL segundo as áreas con maior ou menor existencia e conservación dos seus valores naturais, realizouse co fin de acadar a adecuada planificación, conservación e protección dos valores faunísticos, botánicos, xeolóxicos, paisaxísticos, etc. Con esta intención, á que se engade a existencia de poboacións e actividades económicas no entorno, establécense no seu PLAN RECTOR DE USO E XESTIÓN sete categorías ou zonas, segundo os valores naturais sexan moi altos, altos, medios ou baixos e de acordo ó uso actual do territorio: Reserva Integral, Protección Especial, Rexeneración Forestal, Cultivos, Servicios, Núcleos Rurais e Masas de Auga.
Dúas son as zonas con protección máis exhaustiva.
A primeira en importancia é a clasificada como Zonas de Reserva Integral, que inclúe as paraxes do Barranco de Olelas, os cumios e plataformas superiores da Serra do Xurés, o Barranco da Cruz de Touro, no sector meridional da Serra de Santa Eufemia, e o entorno de A Barxa, no Val do Salas. Todos estes lugares conservan valores naturais moi altos, sobre todo dende o punto de vista faunístico e botánico, polo que nelas prevalece a conservación e preservación sobre calquera outra actividade. Tamén gardan un alto interese as Zonas de Protección Especial, como as ribeiras non alteradas do río Salas, a Serra de Santa Eufemia e do Quinxo, e as vertentes intermedias da Serra do Xurés e da Serra do Leboreiro. Nestes sectores, que aínda conservan valores naturais altos e medios sería, non obstante, compatible a explotación tradicional do monte ou do pastoreo, sempre que esas actividades non deriven na degradación do medio ambiente.
As restantes categorías incluídas na zonificación do PARQUE NATURAL, acollen aquelas áreas onde predominan os valores naturais medios ou baixos, incluídas as explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais, os cascos urbanos e os encoros de Salas e Lindoso. Así, na Zona de Rexeneración Forestal englóbanse aqueles terreos de monte con valores medioambientais escasos e nos que está permitida a explotación racional e non degradante dos recursos forestais ou os aptos para a gandería. Así mesmo, o PARQUE NATURAL é compatible coas Zonas de Cultivo de Queguas, Guxinde, Pereira, Bouzadrago, Olelas, A Illa, (Entrimo), Quintela, Compostela, Ludeiros, A Cela (Lobios), Albite, Requiás ou Guntumil (Muíños).

baixalimiageres@hotmail.com
© www.baixalimiaxures.com