Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
baixalimiaxures.com
LOBIOS
ENTRIMO
MUIÑOS
LOBEIRA
BANDE
Gerês Xurés
Parque Nacional Peneda Gerês

O PARQUE NATURAL

O PARQUE NATURAL da Baixa Limia-Serra do Xurés, sitúase no Suroeste da provincia galega de Ourense. Participa da orografía típica das serras meridionais de Galicia, e acolle boa parte das de Leboreiro, Quinxo, Santa Eufemia, Xurés e Pisco, superando todas elas os 1.000 m. de altitude.
Abarca unha superficie de 20.920 has., que se corresponden coas zonas máis elevadas dos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños, limítrofes con Portugal e co Parque Nacional portugués de Peneda- Gerês. O PARQUE NATURAL exténdese polo sector extremo da subcomarca de A Baixa Limia. En Galicia, A Limia defínese pola cunca fluvial do río Limia, con evidente personalidade na Galicia interior e cunha extensión aproximada de 1.250 km2. O gran contraste orográfico evidencia dúas subcomarcas: A Limia Alta e a Baixa Limia, espallándose esta última polos concellos de Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Bande, e parcialmente por Verea, Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos.

A declaración dun Espacio Natural Protexido na Baixa Limia, obedece a tres obxectivos. O primeiro é a defensa dunha zona de interese natural, paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico, pero hoxe parcialmente alterado e ameazado por causas diversas. O segundo obxectivo, é promover e facilitar o achegamento entre a Natureza e o Home, ben para aproveitalos períodos de lecer e vacacións, ben para facilitar e promove-lo estudio e as investigacións sobre esta área xeográfica, harmonizando o disfrute coa conservación dos nosos valores naturais, históricos e etnográficos. E o terceiro promover o desenvolvemento sostenible das poboacións residentes no Parque Natural e na súa área de influencia facilitando o achegamento de novos recursos e novas alternativas de desenvolvemento que axude a fixar as poboacións en harmonía co seu entorno. Así, dada a existencia duns ecosistemas parcialmente aIterados, a necesidade da súa protección, revalorización e reconstrucción ,e a posibilidade de acceso do público, optouse pola declaración de PARQUE NATURAL materializada mediante o Decreto 29/1993 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia.

baixalimiageres@hotmail.com
© www.baixalimiaxures.com