![]() |
Parque
Natural Baixa Limia-Serra do Xurés |
|
| |
| O HOME NO PASADO A comarca da Baixa Limia, logo dos resultados dos estudios que aínda se están a realizar na zona, conta cun rico Patrimonio Arqueolóxico, legado que permite achegarnos á evolución histórica da zona. Coñécense indicios do primeiro poboamento humano de cazadores e recolectores do Paleolítico nas terrazas da veiga de Lobeira e de Riocaldo. Pero sen dúbida a primeira ocupación efectiva e case total da comarca, na que se inclúe o PARQUE NATURAL, tivo lugar a partir de mediados do IV milenio a.C. e levada a cabo polos primeiros pobos pastores e agricultores que erixiron os numerosos Monumentos Megalíticos, aproximadamente entre o 3500 a.C. e o 2000 a.C. e, polo momento, os únicos expoñentes chamados antas, arcas, mámoas, motas, dólmenes, etc. panteóns funerarios daquelas xentes, distribúense copiosamente polo Val do Salas, Serra de Leboreiro, Serra das Motas, Serra de Queguas, Pisco, Monte das Motas, Galez e un largo etcétera, chegando a se-los restos arqueolóxicos máis representativos da comarca. Tamén nela estanse a constatar progresivamente os vestixios dos primeiros pobos metalúrxicos do cobre, integrados nunha época denominada arqueoloxicamente como Calcolítico. Primeiro, reflectados nos asentamentos ó ar libre, con materiais líticos e cerámicos do ámbito "Penha", que ocupan o Val do Limia, aproximadamente a partir do 2500 a.C. Posteriormente, unha segunda manifestación da metalurxia do cobre, é a que deriva da localización das cerámicas "Campaniformes", aproximadamente entre o 2200/2000 a.C. e o 1800 a.C. A Idade do Bronce é menos coñecida, limitándose polo momento a achádegos aillados correspondentes coa súa fase inicial e localizados en megalitos (A Casina da Moura, Maus de Salas) ou un machado de bronce tamén atopado en Maus de Salas. Os máis nomeados representantes
da nosa Protohistoria son os xacementos denominados castros, poboados
construídos en lugares con defensas naturais, como outeiros elevados
ou esporóns montañosos rodeados por meandros fluviais,
ós que se engaden diferentes sistemas de fortificación
(varios cinturóns de murallas, parapetos e fosos). A Cultura
Castrexa, protagonizada polos pobos galaicos, exténdese cronoloxicamente
dende o século VI/V a.C. ata o IV d.C. Cando chegan os romanos
ó Noroeste Peninsular (é agora obrigado o recordo a Decimo
Junio Bruto, cando cruza o Limia no ano 137 a.C.), aqueles habitantes
dos castros, logo da conquista de Gallaecia (concluída en torno
ó 19 a.C.) entran na órbita cultural dos conquistadores,
iniciándose o proceso de romanización, etapa da que coñecemos
os restos arqueolóxicos de Aquis Querquennis en Porto Quintela
(Bande), Aquis Originis en Baños de Riocaldo (Lobios) ou a Vía
XVIII, que cruza a zona durante o trazado que xunguía as antigas
capitais de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga). Os primeiros séculos da Idade Media son aínda pouco coñecidos dende a arqueoloxía, agás monumentos como o de Santa Comba, do século VII, ou outros achádegos aillados e dispersos por tódala comarca. Polo momento, os traballos están pondo de manifesto o papel que xogou esta zona nos grandes feitos que caracterizaron ó medievo en Galicia (feudalización, Guerras Irmandiñas). Todos eles deixeron a súa pegada coa construcción de castelos, dos que aínda se recoñecen restos arquitectónicos en A Vila (Lobios), Monte dos Castelos (Entrimo) ou os numerosos indicios de poboamento medieval que se están descubriendo na Baixa Limia. |
|
| ©
www.baixalimiaxures.com |