logotipo

img_google
Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
baixalimiaxures.com
LOBIOS
ENTRIMO
MUIÑOS
LOBEIRA
BANDE
Gerês Xurés
Parque Nacional Peneda Gerês

ARQUITECTURA POPULAR

As vivendas tradicionais da Baixa Limia parecen obedecer a unha evolución arquitectónica que se inicia coas casas de planta baixa e un único recinto interior. No seu interior convivían xentes e gando separados por un valado de madeira, que posteriormente se sustituíu por unha parede de pedra. Un modelo máis evolucionado o constitúen as casas de dúas plantas. A baixa albergaba as cortes e a outra estaba compartimentada en habitacións e accedíase a ela por medio dunha escaleira de pedra exterior. Outras vivendas semellantes a esas inclúen unha solaina, corredor exterior situado cara ó oriente. Finalmente, as vivendas, de dúas plantas compartimentadas en diversas dependencias e cun balcón exterior cunhas dimensións que acadan a totalidade da fachada. Distintas a estas son as casas solariegas ou pazos, vivendas señoriais que actuaron no pasado como auténticas unidades de explotación agrícola dirixidas e organizadas por grandes familias de propietarios terratenentes.

O ser a Baixa Limia unha comarca eminentemente agrogandeira, non é difícil recoñecer en cada un dos recantos do PARQUE NATURAL unha rica arquitectura popular diferenciada da vivenda e relacionada coas distintas fases do proceso agrícola. As eiras, na súa maioría enlousadas, lugares onde se malla o cereal para separar o grao da palla; os hórreos, de pedra e tamén con madeira, destinados á almacenaxe dos productos agrícolas en 1ugares elevados e aireados para evita-la humidade. Repartidos entre os numerosos ríos e regatos que drenan a zona, pódense ver conxuntos de muíños hidraúlicos, que interveñen no proceso de transformación do grao en fariña (millo, centeo, trigo) antes da súa panificación. Así tamén os fornos, tanto os existentes nas casas particulares como os comunais, que culminan o proceso coa cocción.

baixalimiageres@hotmail.com
© www.baixalimiaxures.com