Novas - Noticias - 2005

Un lobo chamado Bandua

17-01-05

X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Esta é a historia dun lobo tal e como nola conta Pablo Alonso nun interesante artigo sobre fauna selvaxe do Xurés que aparece no último número de "Arraianos", revista que impulsa e dirixe desde Celanova Aser Álvarez.
Os zoólogos da Universidade de Lisboa Francisco Álvarez e Sara Roque (Grupo Lobo),co acompañamento voluntario dos galegos Pablo Sierra e Pedro Alonso, levaron adiante un proxecto de investigación na Serra do Xurés auspiciado por diversas instancias portuguesas e europeas (naturalmente, ningunha galega) sobre o lobo das nosas montañas arraianas.
O grupo investigador situou diversas cepas indolores en zonas do Xurés frecuentadas polos seis grupos familiares de lobos alí indentificados. Un día caiu un macho novo e fermoso. Foi narcotizado, extraíuselle sangue para a súa análise, púxoselle un colar transmisor, reanimouse e quedou ceibe. Os zoólogos puxéronlle un nome a este lobo: Bandua, antigo deus dos galaicos que coido que tamén Ðcoma LaroucoÐ extendeu o seu culto pola lonxana Lusitania.
Puidéronse así seguir as andadas de Bandua.
Parece que o noso lobo gostaba da Terra do Alto Barroso, e mais do inmenso refuxio que é o Larouco. Foi advertida a súa presenza no Val do Salas, ou sexa polas aldeas de Riquiás, Guntimil e Turei, que os oficiais portugueses din Tourém. Parece que se fixo afeccionado, como todos os lobos de Galicia, aos restos de comida ou carniza das granxas de porcos da Boullosa e de Randín. Non me extraña, porque os nosos lobos (os da Chaira de Celanova) andan sempre ás pitas mortas das granzas de Franqueira.
Parece ser que Bandua andaba tamén nos depósitos de lixo. Como fan os lobos de onda min, que baixan por un subeiro desde Castromau ao lixeiro de Celanova. Seica marchan de mañá cedo, pare deixarlle sitio no rebusco aos ciganos arraianos que precuran refugos reciclabeis. E un relevo ao raiar o sol.
Nun de tais depósitos de lixo parece que Bandua apañou unha sarna ou doenza dérmica que o fixo perder todo o pelo agás o da punta do rabo. Felizmente, Bandua curou e medroulle a pelaxe de novo e con forza. Foi entón cando se postulou para xefe ou dominante dunha das seis familias de lobos do Xurés e arredores. Conseguiu o cargo mais, cando iniciaba os seus días de gloria, Bandua foi atropelado e morto por un automóbel onda Xinzo de Limia.
Esta triste historia é a de moitos lobos que tratan teimosamente por sobrevivir nun mundo realmente adverso e cada vez máis humanizado. Os que algunha vez vimos os ollos dun lobo e eles quedaron gravados na nosa memoria a fogo podemos imaxinar os de Bandua a escoldriñar o mundo en procura do difícil alimento. E atristurámonos do seus infeliz final.
Logo, no seu artigo, Alonso cóntanos das aguias reais, dos grandes bufos, dos cabalos galegos do monte, das cabras reintroducidas mercé á taimosía de Reza e a toda a maravilla zooóxica que atesouran as serras arraianas. Un día haberá que falar do oso do Xurés, pero non vai ser hoxe. Poderemos recuperalo?