| Novas
- Noticias - 2001 |
| Os
Grumir volverán operar nos concellos dende maio |
29-04-01 |
Os Grupos municipais de intervención rápida (Grumir) volverán a operar a partir do 1 de maio progresivamente en 63 concellos galegos. A Consellería de Familia financia este servicio entre os programas de cooperación para fomenta-la creación de emprego no ámbito local ó tempo que se lles proporciona ós concellos un recurso para responder a situacións de emerxencia e colaborar en tarefas de interese xeral. SANTIAGO. Redacción Neste ano, o investimento previsto para os Grumir ascende case a 1.106 millóns de pesetas para a contratación de 750 demandantes de emprego, que van poñer en funcionamento o servicio durante un máximo de oito meses. Cada Grumir está integrado por doce traballadores, dos que dous son capataces e dez peóns, que prestan os seus servicios por quendas para garanti-las coberturas as 24 horas do día. Na selección do persoal valórase a formación previa en protección civil, de prevención e medidas de seguridade colectivas. O programa está xestionado en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), quen se encarga do funcionamento e coordinación dos grupos de intervención. Correspóndelle á Fegamp propoñe-lo mapa de implantación do servicio, pois cada Grumir abrangue os concellos do contorno no que operan. Na provincia da Coruña, disporán deste servicio Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Brión, Carballo, Cee, Miño, Noia, Ordes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira, Santa Comba e Vimianzo, 16 municipios; e en Lugo os Grumir actuarán en 15 municipios (Becerreá, Burela, Cervo, Cospeito, Chantada, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte, Monterroso, A Pontenova, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro). Pola súa banda, a provincia de Ourense contará co servicio en 16 concellos (Allariz, Bande, Baños de Molgás, Os Blancos, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, A Gudiña, Laza, Lobios, Maceda, Muíños, Ribadavia, Verín, Viana do Bolo e Vilar de Barrio); e en Pontevedra operarán en Bueu, A Cañiza, A Estrada, O Grove, A Guarda, Lalín, Mondariz, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Tui e Vilagarcía. |
|